Site hosted by Angelfire.com: Build your free website today!
Abrir menu

Xuventude
Por Salvador Coira
(vocal de xuventude de Lar de Unta)
Foto H. del Ríon

Á xuventude sempre se nos acusa de ser pasotas, de non ter conciencia social, solidaria, de formar pandas de vándalos adicados ao botellón, a destrucción do mobiliario público e as lunas dos escaparates, de adicarnos a consumir drogas e alcol en cantidades descomunais, de maleducados... unha recua de descualificacións que pouco ou nada teñen que ver coas inquedanzas e o xeito de pasalo ben da xuventude, por máis que os sisudos tertuliáns dalgún programa matinal e os columnistas dominicais dos suplementos dos xornais se empeñen en facernolo crer (llelo farán crer a quen non teña un xove na súa vida).

Fuxamos do tópico gratuíto. Por suposto que a xuventude ten conciencia solidaria; demostrámolo cando o do Prestige, sendo
os primeiros en ir ás costas a recoller o veleno negro e saíndo ás rúas en contra da burla negra, demostrámolo cada día co
noso compromiso cun desenvolvemento sostible, co compromiso cun mundo sen guerras e máis xusto... Demostramos cada día, a cada momento, a nosa pretensión de
ser parte activa da comunidade en que vivimos.

Para que logo veñan catro a falarnos de cómo se bota a perder a xuventude, con eso das drogas e todo eso. E a nosa Asociación non é distinta nesto ao conxunto da sociedade galega. A Área de Xuventude programa (é de agardar que programe cada ano, porque aínda non fixo o aniño) un conxunto de actividades ó longo do ano, non por demostrar que non somos unha panda de alcólicos de fin de semana, senón por divertimento. Así, ademais de participar no resto de actividades que programan as outras áreas da Asociación, tivemos a oportunidade de levar a cabo un obradoiro de globos de papel, dentro dun programa máis ambicioso proxectado para recuperar xogos tradicionais.

De igual xeito, para que non digan que a mocidade non se implica nos grandes proxectos, participamos na Feira Franca Medieval coma figurantes dentro das representacións que organiza o Concello (e como camareiros dentro do intenso traballo que facemos no local para sacar cartos cos que poñer o propio local ó gusto de todos). En colaboración con Galiza Nova desenvolvimos un ciclo de proxeccións cinematográficas no noso local, nunha aposta pola cultura e o debate social entre os xoves. En conxunto con Gastronomía e Cultura organizamos por primeiro ano a festa do Samaín, que pretendemos co paso do tempo se converta nun referente en toda a comarca. E por suposto, non esquecer a cantidade de festas que temos celebrado no noso local con calquera pretexto: cumpreanos, festas de San Roque, festas do que sexa, sábados que chove,...

A nosa pretensión non é outra que pasalo ben, aprender cousiñas novas e facer cousas distintas. Cando teñamos a punto o local dispararemos a nosa actividade.
Estades todos convidados.

O Poxigo Dixital ;lar de Unta.
envia-nos un correo
ir ao inicio
foro
"http://unta.foro.st">foro