Mirando paxaros
Por Fernando Bandín
Folleando o Handbook of the Birds of the World, non se pode menos que admirar o colorido de moitas aves exóticas. Esta voluminosa enciclopedia, pese a estar escrita en inglés, é froito dunha iniciativa catalana que se converteu na referencia internacional por antonomasia sobre ornitoloxía. Xa que logo, un pode sentirse seguro de que ten ante as súas mans a mellor compilación de aves publicada, magnificamente ilustrada con fotografías e debuxos de primeira calidade.
Pero, ¿por qué sempre gabamos a cor das especies exóticas fronte ás que nos son comúns? Obviamente hai especies rechamantes entre os psitácidos (familia que comprende loros e cacatúas), ou entre os meropidae (abejarucos), que así mesmo merecen cualificativos xenerosos. Nembargantes, se
repasamos polo miúdo a nosa fauna, veremos que tamén temos unha boa colección de aves espléndidas.
Xa que Betanzos vai abarloado por ríos, comecemos co martiño peixeiro. É unha ave pequena e fácil de ver voando en liña recta polo medio do cauce. Aínda que espantadiza, é doado enganala a pouco que nos agochemos. Esto permitiranos observala e fotografala doadamente cando se pousa nunha pola á espreita de peixiños e insectos acuáticos. Na súa plumaxe domina o salmón do seu peito, destacando o azul metálico da capa que enche de reflexos o seu voo. Na familia dos alcedinidae cóntanse 93 especies, con algúns parentes moito
máis grandes e extravagantes, pero non atoparemos ningún que lle faga sombra.
Agora no inverno, moitos paporrubios comúns veñen do norte (especialmente de Gran Bretaña) a pasa-lo inverno, xuntándose cos que viven aquí todo o ano. O peito de cor tella non deixa de ser notable neste pequeno paxaro, especialmente cando está en celo. Pero moito máis rechamante trasta co negro da cabeza e das ás.
Non é tan doado de ver, pero nas cortiñas da bisbarra pódense atopar de cando en vez. O mesmo xogo de contrastes aparece na pega rabilonga. Aínda que estamos moi afeitos a vela, realmente é digna dun ambiente tropical. En aparencia, podemos quedarnos en que tan só e branca e negra, pero cando a miramos con atención nun día soleado lograremos ve-la infinidade de matices verdes e azuis de ese negro: son cores estructurais, é dicir, o colorido que vemos procede da descomposición da luz nas plumas do mesmo xeito que se produce cando incide nun prisma.
Este fenómeno tamén aparece na plumaxe dos corvos cando os observamos de preto, así como en moitas anátidas. Entre estas, podemos destacalo alavanco real, que é o parrulo máis abondoso na ría. Cando muda, as plumas novas da cabeza teñen unha cor marrón sucia, pero a medida que se desgastan aparece un precioso ton verde tamén de orixe estructural. Pero como xa estamos de volta na ribeira, temos que falar dalgunhas das aves máis espléndidas.
Non estou a falar das rapaces, que normalmente non teñen plumaxes espectaculares, senón das ardeidas. No é difícil ve-las garzas reais cando imos camiño de Chelo ou pola ría, pescando peixes e invertebrados na beira dunha maneira similar a como as poderíamos ver nas ribeiras africanas. Pero
aínda que fermosa de presencia, a capa gris da garza real non a fai destacar moito.
Especialmente abondosa nos últimos anos, a garzota é a segunda ardeida máis frecuente na ría. Sen dúbida é a ave máis elegante e a de movementos mais delicados que podemos observar na bisbarra. Totalmente branca, salvo matices amarelentos na época de celo, ten as patas totalmente negras, excepto os pes, nos que destaca a cor amarela intensa incluso cando están paseando polo esteiro. Realmente é un espectáculo vela pescar nos regatos cando baixa a marea, permanecendo quieta para logo correr dun lado para outro detrás dunha presa, abrindo as ás para estabilizarse, mentres as longas plumas brancas do penacho son levadas polo vento.
En lugares como o paseo marítimo de Sada ou o de Pontedeume, afeitas á xente, poden chegar a ser bastante confiadas. Pero as garzotas non son as únicas ardeidas brancas que nos atopamos aquí, pois excepcionalmente podemos ver outras especies. No outono, hai varios anos, tiven a oportunidade de observar un bando de oito cullereiros diante do pazo de Mariñán.
Estas aves, claramente recoñecibles polo seu peteiro en forma de culler, soamente crían en Iberia nas famosas paxareiras de Doñana (vellas sobreiras cheas de niños de diversas especies, incluídas a aguias imperiais ibéricas), pero as que vin eu seguramente procedían de Holanda, a única colonia do norte.
Non se esgota aquí a lista de aves que compiten en colorido coas tropicais, pois me deixo o escondedizo ouriolo, a simpática pega marza, a bubela coa súa espectacular crista, os petos real e verdeal, os pequenos ferreiros ou o ben coñecido xílgaro.Así que, se queremos gozar dun bo documental en vivo sobre aves, non precisamos máis que coller uns prismáticos e dar un paseo pola bisbarra.
Mirando


