Site hosted by Angelfire.com: Build your free website today!
Abrir menu

ROZIN IN THE CHOUSA
Por Leopoldo Antelo

Sería un deporte se os americanos o practicaran, aquí simplemente é un labor forestal, moi común nunha numerosa poboación minifundista. O cachuco de monte que toca de herdanza no derradeiro bico do brelo afogado en silvas, toxos e fieitos durante unha boa porción do ano. Nalgún tempo era unha fonte de riqueza inagotable: o estrume , verdadeira agricultura ecolóxica dos nosos antergos; claro que de aquela non se albiscaba a praga do monocultivo de eucalipto. Os montes de seguro que eran máis máxicos e poboados por bestas máis interesantes.

O abaixo asinante é un deses bichos raros que goza con esta práctica agrícola en plena época dixital, desconecta e déixase
levar polo son da fouce en todo o seu esplendor; digamos que practico a modalidade máis pura con útil de tracción sanguínea
en plantación de frondosas. Non hai nada que te devolva á realidade tan obxectivamente como a práctica deste pasatempo utilitario: percorres un país de miles de corredoiras, sudas como unha prea, levantas os ollos e ves aínda o que queda por rozar, non somos nada, as últimas preguntas asáltanche unha detrás doutra: ¿Chegará a auga que traio?, ¿choverá ou troará?, ¿serei quen mañá de dobrar a bisagra? e pensar que hai xente que se tira dunha ponte abaixo, iso si, con completa equipación deportiva Nike.

Esta modalidade, todo hai que dicilo, tamén ten os seus riscos se coincides coa tempada de caza, xa que os montes están cheos de escopeteiros que disparan a todo o que se mova e logo dis que preguntan. De todos xeitos a desbrozadora estase a impor, e o rozin vai evolucionando vertixinosamente nos últimos anos. Iso si, hai cousas que non cambian: enfundarse na vestimenta rexional chechena, con nós Reebok non gaña un euro, niveis baixos de colesterol que volverán a subir horas máis tarde cun bo cocido, a satisfacción de practicar unha modalidade deportiva na que non hai federado un só membro da familia real e a eterna perpetuación do ciclo do fieito

O Poxigo Dixital ;lar de Unta.
envia-nos un correo
ir ao inicio
foro