Valentín
Paz Andrade naceu o 23 de abril de 1898 en Lérez (Pontevedra) e morreu en Vigo o
19 de maio de 1987. Está enterrado no seu Lérez natal. Escolarizouse
en Pontevedra e posteriormente estudiou a carreira de Dereito en
Santiago. foi sempre membro activo da
vida universitaria. Nos seus tempos de estudiante inicia a súa
aproximación ó galeguismo, guiado nos seus postulados teóricos polo
feito que supuxo a creación das Irmandades da fala.
Aínda moi
xove, Paz Andrade, evidencia un especial talento periodístico.
Colabora en diferentes revistas como Grial, Outeiro ou O
Ensino. Nos seus artigos aborda temas de lingua e literatura,
dedicándolle unha especial atención á figura de Castelao, ó que
coñece nesa época.
Foi mobilizado
polo Desastre de Annual e enviado a África. Posteriormente, debido a unha infección, é
evacuado á península e declarado inútil para o exército.
A partir de
1921 exerce de avogado en Vigo. Entre 1922 e 1926 dirixe nesta cidade o
xornal Galicia, unha alternativa liberal e democrática que
aglutinaba destacadas personalidades da vida e a cultura galegas, entre
elas a Castelao, quen aportaba os seus debuxos e as súas caricaturas.
En 1924 pasa dous meses na cadea de Vigo, por dous artigos que
publicara. En 1957 volve outro mes á cadea. O
xornal Galicia, co que xurdiu a gran escola de caricaturistas
galegos, foi pechado pola dictadura de Primo de Rivera.
Milita no Partido
Galeguista, na formación do cal participa. En 1931 preséntase con
Castelao e Cabanillas ás cortes constituíntes, non saíndo elexido por
unha diferencia de poucos votos. En 1934 é nomeado Secretario do Partido
Galeguista, en substitución de Castelao, que fora desterrado a
Badaxoz. En 1936 colabora na campaña polo Estatuto de Galicia. Nesta
época asesoraba como avogado ás asociacións de armadores pesqueiros.
Sofre dous atentados, o primeiro en Vigo, o segundo en Verín, onde fora desterrado logo do
alzamento franquista. Trasládano despois á Serra de Queixa e Pobra
de Trives, onde coñece a Pilar, coa que casa en 1939. Anos
máis tarde regresa a Vigo, sen que ninguén lle comunicase o fin do seu
desterro.
En 1940 nace o seu fillo Alfonso. Mantén contactos cos republicanos e despois da morte de
Castelao en 1950 relaciónase cos emigrantes e exiliados galegos en
Arxentina e intensifica a súa relación co mundo da pesca e a súa
colaboración coa FAO. En 1976 e 1977, despois da morte do Dictador, representa a
Galicia na "Comisión dos dez", que negociou a transición co
goberno español presidido por Adolfo Suárez, e nas eleccións
democráticas que teñen lugar ese último ano foi elexido senador por
Pontevedra dentro das listas da Candidatura Democrática Galega. En
1978 pronuncia o discurso de ingreso na Real Academia Galega, da que é
membro desde 1964.
Valentín
Paz Andrade, xa desde moi cedo, demostrou unha viva preocupación
polos temas pesqueiros e pola máis xeral problemática socioeconómica
de Galicia. Impulsor de Pescanova, empresa da que foi
vicepresidente, e técnico da FAO, foi o primeiro
especialista español proposto por esta organización das Nacións
Unidas para misións internacionais en Hispanoamérica. Tamén, dentro
deste eido, dirixiu a revista de economía e tecnoloxía Industrias
pesqueras e é o autor do primeiro tratado sobre Principios de
economía pesquera, editado pola FAO. Destaca tamén a súa faceta
de conferenciante e participante en numerosos congresos internacionais
da ONU sobre agricultura e alimentación.
Poeta da Xeración de 1925,
iníciase na literatura en 1921 coa publicación da novela Soldado da
morte. En 1955 aborda o eido da poesía con Pranto matricial,
no que evoca a morte de Castelao. Continuará esa liña en Sementeira
do vento (1968), libro no que canta á paisaxe, ás xentes, ó
exilio e ós poetas galegos. Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol
de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986) son as dúas últimas
obras poéticas. Ademais das múltiples contribucións a libros e
publicacións periódicas, é autor tamén dos ensaios Galicia como
tarea (1959), La anunciación de Valle-Inclán (1976), La
marginación de Galicia (1970), A galeguidade na obra de
Guimarães Rosa (1978) e Castelao na luz e na sombra (1982),
unha das máis completas biografías do autor de Rianxo.
Como promotor
que é dos estudios económicos en Galicia, publicou numerosas obras
sobre o mundo da pesca e a actividade económica en Galicia.
Valentín
Paz Andrade, desde hai pouco tempo, dálle nome ó noso Instituto.
Un pequeno pero merecido tributo a un galego para o que, en palabras de
Xosé Filgueira Valverde, "Galicia, foi sempre, na vida e nos
froitos, norte das rutas, meta dos pensamentos, ánimo de vizosos
traballos."
|