Site hosted by Angelfire.com: Build your free website today!
Estatutos da Asociación Internacional de Estudios Galegos (AIEG)
 
Artigo 1º. - Nome e domicilio

A Asociación denomínase "Asociación Internacional de Estudios Galegos / International Association of Galician Studies (AIEG)" e ten o seu domicilio no edificio "López Ferreiro", Praza da Universidade nº 4, 15703 - Santiago de Compostela.

Artigo 2º. - Obxectivos e funcións

1. A AIEG persegue exclusivamente obxectivos de utilidade xeral.

2. Son obxectivos fundamentais da AIEG:
a) Promove-los estudios galegos a nivel internacional.
b) Propicia-lo intercambio entre os estudiosos das diversas disciplinas que se ocupan da realidade galega.
c) Fomenta-la presencia da cultura galega no mundo, especialmente no ámbito académico.

3. A AIEG promove a organización dun congreso internacional e a edición dun boletín informativo e doutras publicacións que se xulguen convenientes.

Artigo 3º - Membros da Asociación

1. Pode ser membro da AIEG calquera persoa natural ou xurídica no pleno exercicio dos seus dereitos civís que acepte os obxectivos fundamentais da asociación segundo establece o artigo 2º.

2. Os membros da AIEG poden ser de pleno dereito ou honoríficos.
Son membros honoríficos da AIEG aquelas persoas ás que a asamblea xeral lles recoñeza esa condición en atención ós seus méritos. Os membros honoríficos, a non ser que teñan asemade a condición de membros de pleno dereito, carecen do dereito de voto nas sesións da asamblea xeral.

3. Os membros da AIEG poden abandona-la Asociación en calquera momento mediante escrito dirixido ó presidente da asociación. A xunta directiva pode decidir a expulsión dun membro en caso de que este prexudique gravemente os intereses da Asociación ou non pague a súa cota. O interesado ten dereito a recorrer perante a propia xunta directiva no prazo dun mes e sobre ese recurso decidirá a asemblea xeral na primeira sesión en que se reúna.

4. Son dereitos básicos dos membros:

a) Participar nas deliberacións dos distintos órganos nos que estean integrados e, no caso dos membros de pleno dereito, nas votacións correspondentes.

b) Elixir e ser elixidos para os cargos da xunta directiva ou de calquera outra comisión da Asociación que se poida establecer.

c) Participar nas diversas actividades que se organicen de conformidade coas funcións e obxectivos que aprobe a Asociación.

5. Son deberes básicos dos membros:

a) Participar coas súas cotas no financiamento da Asociación. As cotas satisfaranse anualmente.

b) Respectar e colaborar no cumprimento das decisións tomadas polos órganos da Asociación, sen mingua do dereito a impugna-los acordos e resolucións que ó seu xuízo non se axusten a dereito ou a estes estatutos.

Artigo 4º. - Órganos de goberno da AIEG

Os órganos de goberno da AIEG son o presidente, a xunta directiva e a asemblea xeral.

Artigo 5º. - A xunta directiva

1. A xunta directiva está constituída polo presidente, o vicepresidente, o secretario, o tesoureiro, o secretario de relacións públicas e catro vocais. A válida constitución da xunta directiva require a presencia de alomenos a terceira parte dos seus membros.

2. Correspóndelle á xunta directiva a xestión ordinaria e a actividade executiva da Asociación nos períodos comprendidos entre as sesións da asemblea xeral. Os acordos da xunta directiva adóptanse por maioría simple.

3. Funcións dos membros da xunta directiva:

a) Correspóndelle ó presidente:
a.1. Elaborar coa xunta directiva a orde do día das sesións.
a.2. Convocar, presidir e pechar as sesións da xunta directiva e da asemblea xeral.
a.3. Decidir, se fose preciso, co seu voto de calidade a orientación dunha determinada decisión.
a.4. Representar á Asociación en calquera das súas actividades.
a.5. Supervisar e autorizar as actuacións que de ordinario lles correspondan a outros membros nos casos en que así o dispoñan os estatutos.

b) Correspóndelle ó vicepresidente substituír ó presidente en tódalas súas funcións por razón de enfermidade ou calquera outra causa xusta, ou cando este lle delegue as súas funcións por un tempo determinado.

c) Correspóndelle ó secretario estender a acta das sesións dos órganos da Asociación.

d) Correspóndelle ó secretario de relacións públicas o referente á divulgación do coñecemento da Asociación e establecer vínculos con outras asociacións que teñan fins semellantes á AIEG.

4. A xunta directiva será elixida para un período ordinario de tres anos pola asemblea xeral, entre as candidaturas presentadas perante os organismos constituídos cun mes de antelación á sesión da asemblea.

As candidaturas presentaranse por escrito perante a xunta directiva en funcións. Deben sinalar os cargos que se propoñen e achegarán un escrito de aceptación asinado polo candidato.

Despois de debater a proposta ou proposta de xunta directiva terá lugar a votación. Requírese para a elección o voto favorable da maioría absoluta dos membros presentes. Se ningunha candidatura acada esa porcentaxe, terá lugar unha segunda votación na que abondará o voto favorable da maioría simple.

5. Tódolos cargos directivos poden ser reelixidos con excepción do presidente.

Artigo 5º.- A asemblea xeral

1. Compételle á asemblea xeral definir os programas de traballo, elixir á xunta directiva, fixar a cota dos membros e resolver sobre o informe do presidente, do secretario e do tesoureiro.

2. A sesión ordinaria da asemblea xeral terá lugar canda o congreso internacional patrocinado pola AIEG. Convocaranse sesións extraordinarias cando os intereses da asociación así o esixan ou por solicitude escrita e motivada que se lle dirixa á xunta directiva e que estea subscrita alomenos pola décima parte dos membros da Asociación.

3. As sesións da asemblea xeral son convocadas polo presidente ou, por imposibilidade deste, polo vicepresidente mediante carta ou circular a tódolos membros onde se anunciará o lugar, a data e a orde do día da sesión. A convocatoria deberá realizarse cunha antelación de alomenos trinta días naturais.

4. A asemblea xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria se concorre máis da metade dos membros da Asociación. De non conseguir ese quórum, a asemblea quedará constituída en segunda convocatoria media hora máis tarde calquera que sexa o número de membros que comparezan.

Artigo 6º. - Desenvolvemento das sesións da asemblea xeral e votacións

1. O presidente, ou no seu defecto o vicepresidente, dirixirán as sesións. En caso de imposibilidade de ambos, a asemblea elixirá un moderador.

2. A asemblea xeral pode modificar a orde do día da sesión ordinaria por unanimidade dos membros presentes.

3. Os acordos da asemblea xeral adóptanse, como norma xeral, por maioría simple. As votacións realizaranse, en principio, a man alzada pero serán secretas por solicitude de calquera membro cando se trate dunha decisión referida á elección de persoas.

4. Poderase efectuar o voto por correo para a elección da xunta directiva sobre a lista de candidatos enviada coa convocatoria da sesión da asemblea xeral. Neste caso, o voto deberase dirixir por escrito ó presidente da AIEG coa antelación suficiente para que o reciba antes do comezo da sesión.

Artigo 7º. - Actas das sesións

Os acordos adoptados pola asemblea xeral rexistraranse nunha acta, onde se fará constar o lugar, data e hora das sesións, un resumo do debate e o resultado das votacións. A acta será asinada polo secretario e polo presidente da AIEG.

Artigo 8º. - Réxime económico da Asociación

1. Os recursos económicos da AIEG proveñen de:

a) A aportación dos seus membros mediante cotas.

b) As doazóns e subvencións que poida recibir.

2. A Asociación constitúese cun patrimonio inicial de cen mil pesetas e non se prevé supera-la cifra de dez millóns de pesetas no orzamento anual.

3. A xunta directiva propoñeralle á asemblea xeral a aprobación do orzamento e na mesma sesión renderá contas da xestión do exercicio anterior. A Asemblea poderá designar un interventor imparcial que lle informe sobre os resultados da inspección das contas.

4. A modificación da cota dos membros da AIEG é competencia da asemblea xeral e require o voto favorable de dúas terceiras partes dos presentes na sesión.

Artigo 9º. - Disolución da Asociación

1. A Asociación pódese disolver polas seguintes causas:

a) Por acordo adoptado co voto favorable de nove décimas partes dos seus membros en sesión extraordinaria convocada para o efecto.

b) Polas causas que prevé o artigo 39 do Código Civil.

c) Por sentencia xudicial firme.

2. Na sesión en que se decida a disolución da Asociación resolverase sobre a liquidación do seu patrimonio, o alleamento dos bens, saldo das débedas e reintegración dos créditos.

3. Realizadas as operacións mencionadas no apartado anterior, doarase o líquido resultante a algunha ou algunhas asociacións do mesmo tipo e finalidade que a AIEG e preferentemente á que se constitúa, se é o caso, en substitución dela.

Artigo 10º. - Interpretación e modificación dos estatutos

1. A interpretación destes Estatutos correspóndelle á xunta directiva da AIEG e os acordos que se adopten sobre esta materia requiren o voto favorable de dúas terceiras partes dos membros que constitúen o devandito órgano.

Os membros da xunta directiva desconformes coa interpretación aprobada poden recorrer contra ela perante a asemblea xeral mediante escrito motivado que deberán presentarlle á xunta directiva no prazo dun mes desque se adoptou o citado acordo.

2. A modificación destes Estatutos é competencia da asemblea xeral da AIEG convocada en sesión extraordinaria para o efecto. O acordo require o voto favorable de tres cuartas partes dos membros presentes.