Site hosted by Angelfire.com: Build your free website today!
Acta da Xunta Directiva da Asociación Internacional de Estudios Galegos (AIEG) celebrada o xoves 17 de setembro de 1998 prevista para as 10.15 da mañá.

Asisten á xuntanza:

Dieter Kremer (Presidente)
Benigno F. Salgado (Secr. de Relacións Públicas)
Justo G. Beramendi (Vocal)
Johannes Kabatek (Vocal)
Marga Romero (Vocal)
María Xesús Bello (observadora e membro da AIEG)

Comeza a xuntanza ás 10.30 coa ausencia do tesoureiro, Xoaquín Monteagudo.
O vocal Miguel Anxo Seixas envía as súas desculpas por non poder asistir á reunión ó atoparse de viaxe.
O presidente propón que por ausencia da Secretaria da Asociación actúe como tal o Secretario de RR.PP.

Proponse a seguinte orde do día:

1. Estado Actual
2. Revista da Asociación
3. Actas
4. Congreso da Asociación
5. Outros
 
1. Estado Actual
O presidente da AIEG, Dieter Kremer, informa do estado da Asociación desde o congreso de Trier.
Comeza por referir a necesidade de fixar un enderezo oficial para a oficialización dos Estatutos aprobados na última asemblea.
Benigno F. Salgado informa das xestións levadas a cabo ante o Decano da Facultade de Ciencias Sociais para utilizar o enderezo universitario como Secretariado de Relacións Públicas co fin de distribuír as Actas do IV Congreso de Estudios Galegos.
O presidente, primeiro, e o resto dos membros da Xunta, apuntan a conveniencia de que a sede definitiva da Asociación estea en Santiago de Compostela. Discútense varias posibilidades:
a) O Instituto da Lingua Galega
b) O Instituto de Investigacións Ramón Piñeiro
c) O Instituto Galego da Información
d) O Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento
e) O Museo do Pobo Galego
Decídese que, se o Instituto da Lingua Galega o acepta,  a secretaría permanente da AIEG estea no edificio López Ferreiro, praza da Universidade, nº 1. A Secretaría albergará o Arquivo da Asociación.
O presidente informa de que ten noticias de que a tesoureira do trienio anterior, María Xesús Lama, enviou documentación relativa á conta bancaria e ós estatutos definitivos a Xoaquín Monteagudo.
O presidente e a vocal Marga Romero informan de que se tentará enviar un Boletín Informativo que conteña as novas que se produzan en relación coa AIEG e unha folla de inscrición na Asociación.

2. Publicación dunha Revista
Discútese a necesidade de contar cunha publicación periódica de tipo académico que inclúa investigacións que concernan ós estudios galegos.
Atendendo á actual cobertura da Asociación son previsibles contribucións nos campos da crítica literaria, lingüística, historia, ciencias sociais, políticas e económicas e artes plásticas.
Proponse como provisoria a denominación de Anuario Internacional de Estudios Galegos en conformidade coa temática e periodicidade perseguida.
Faise fincapé en que non deberá entrar en conflicto coas publicacións xa existentes (Grial, A Trabe de Ouro, Boletín Galego de Literatura, Anuario de Literatura, Galician Review).
A revista ou anuario constará dunhas 240-330 páxinas.
Procurarase a proxección internacional e o carácter pluri- e interdisciplinar.
En previsión da futura estructura da revista aceptaranse artigos e contribucións orixinais, recensións críticas, e información actualizada sobre o mundo académico dos estudios galegos.
Intentarase reflectir tamén a bibliografía relevante aparecida ó longo do ano.
Admitiranse tódalas linguas oficiais en que desexen expresarse os contribuidores.
Os artigos conterán un resumo en galego e inglés.
O director da revista será o Presidente da Asociación Internacional de Estudios Galegos. Haberá un Comité de Redacción e procurarase un Consello Asesor con destacados investigadores internacionais.
A composición dos comités considerarase en futuras reunións.
Proponse o nome de Miguel Anxo Seixas como secretario de redacción da publicación.
O ideal sería sacar o primeiro número para marzo do ano 2000.

3. Actas.
O actual presidente da AIEG e responsable da organización do congreso de Trier informa das negociacións mantidas con Ediciós do Castro con vistas á publicación das Actas do VI Congreso Internacional de Estudios Galegos no ano que vén (1999).

4. Congreso da Asociación
O presidente informa dos pormenores da reunión preparatoria do Congreso do ano 2000.
A próxima reunión da xunta directiva terá lugar na Habana do 30 de outubro ó 1 de novembro.

O secretario de RR.PP. comunica que lle é imposible asistir.
Discútese a nominación de Presidentes de Honra do VII Congreso (Fidel Castro, Manuel Fraga).
O presidente e a vocal Marga Romero informan dunha subvención de 500.000 Ptas da Dirección Xeral de Política Lingüística para a preparación do congreso.

5. Outros
O secretario de RR.PP. informa sobre varias suxestións do vocal Miguel Anxo Seixas (ausente) á Dirección da AIEG:

Os membros da xunta asumen como propias as súas consideracións.

Levántase a sesión ás 13.30 horas.