A Pantasma
¡Aló na alta noite
cando en silencio dorme o mundo enteiro
sen que en ningures nada mais se escoite
que o marmular das augas de un regueiro,
que atravesei lixeiro,
dirixía meus pasos a deshora
a un cimiterio triste e pavoroso,
para apañar un óso,
según me tiña dito o noso cura,
que era remedio para olvidar amores
dunha rapaza que o meu peito adora
naqueles arredores.
A noite estaba escura
como boca de lobo, non se vía
nin a ponta dun dedo,
todo o mundo, silencioso e quedo,
nin ruxir unha folla se sentía...
Calquera menos eu tivera medo.
Mais a pesa de ser tan alentado,
Ao saltar o balado
O corazón no peito me batía;
O pelo se arrepía
E nas pernas sentía algúns tremores.
Para dentro entrei, por fín ás apalpadas
Agarrándome ás hedras
Que pegadas están, de medo, ás pedras:
Tripando ortigas, malvas e fiuncho,
Cheguei hastra un curruncho.
Boteille a pouta a unha calivera,
- ¡ai! nunca Dios me dera-
apenas a chisquei, ¡qué risotadas
infernales oín!... Logo un difunto
se me presenta diante
de hábito branco e vagoroso andar.
Comecei a rezar
Pasiño un Padrenuestro: e naquel ponto
Fixen un circo co meu pau de oliva,
Que xa bendito (por se acaso) iba,
E posto dentro dél –Eu te requiro
De parte de...- díxenlle tremelando.
Él con grave ademán e voz altiva,
Me interrumpeu: - ¡Ah! fuxe temerario;
Non toques nada!... -¿Sí? Eu me retiro-;
E apertei contra o peito o escapulario
Que é da Virxe do Carme.
- Pero aténdeme ben, has de esperarme
no muiño de Añón-. ¿Preciso
fouce?
-Non miserable....!vaite! E deume un couce,
como nunca o levei na miña vida,
porque o difunto aquel gastaba zocos,
e para despedida
inda me zorregou dous sopramocos.
Non parece sinon que polo aire
Tiña chegado ao señalado ponto,
E cátame o difunto
Que vai ruxindo ben por entre o millo
Parece que inda xa con mais donaire.
¡Canto me maravillo
vendo de aquel pantasma a linda cara,
da lua que nacía ao claro brillo!
¡Ai pecador de mín! ¡Quen o pensara!
Era a miña Mingucha en corpo e alma,
Cunha sáboa cuberta,
Que me estorbara de apañar o óso
Porque non acabar o amor noso.
Pasmado me quedei coa boca aberta;
Mais ela que era esperta,
O pasmo me tirou cun doce bico
E rindes a valer, díxome: -Chico,
Xa estás ben castigado-
Trocouse o medo en venturosa calma
E entramos no muiño, que era tarde
Para dormir aquela noite xuntos
Por mor dos difuntos.
Dende aquela chuscada,
Non me chamen cobarde,
Pois, sexa noite crara ou de tronada,
Se paso ao pé do cimeterio,
Rindo do mundo a ván credulidade,
(con perdón do abade)
quixera ver pantasmas – falo serio-;
pois maxinara inda
sela miña adourada, Mingas linda.
***
Escolma
de poesía galega
***
>
Cartas ao meu muiño