Site hosted by Angelfire.com: Build your free website today!
O ORBALLO
(Roberto Blanco Torres)
***
Orballo...
Como vai caendo,
Sen velo,
Sen sentilo,
Lento,
Como un vestixio platónico das horas,
Coma o tempo.
Orballo da media noite
Sobre a terra endormiñada.
( a media noite da vida
cega por afán de todos os soles).
A luz, doente,
Lisiada mais no puro orixe,
Enferma de si mesma,
escondéndose entre as sombras.
Sol feito orballo,
Caladiño,
Segredamente vai caendo,
A borrar a lembranza da luz
E voltar de novo a alumear o mundo.
Orballo...
Na noite silente, profunda, érguese
O ímpeto esotérico das cousas
E rega, con inéditos afáns,
Os sucos virxinais dos misterios telúricos.
No ar espeutante, con púbere ardencia,
Miradas de de ións despreguízanse
En pulo dinámico.
Na terra os xermes, en branca nupcia, axítanse
Con universal balbordo de enerxía,
De virtudes prolíficas aínda iñoradas,
De forzas prístinas
De supernos degoiros.
Surte do abisal arcano,
No anhélito do elán biolóxico forxando a idea,
Unha orixinal morfoloxía,
Un novo senso,
Unha nova luz e un novo ritmo.
Noite chea, encinta.
O instinto cósmico
ensaia nova vida
***
  Escolma de poesía galega
***
Email: Cartas ao meu muiņo