Site hosted by Angelfire.com: Build your free website today!

 

MAPA DA FRONTEIRA REAL E DA FRONTEIRA POLÍTICA

GALIZA-Província de Oviedo

Para contactar co BNG do Eo-Návia e Astúrias, no apartado de correos 1973, 33.080 Oviedo (España).


(publicado no xornal A Nosa Terra do 24 de Febreiro do 2000)

Denuncian a 'descarada inxeréncia' da Académia da Língua Asturiana

O BNG do Eo-Návia e Astúrias promoverá a criación dun Estatuto Comarcal Especial para as comarcas de fala galega

O Bloque Nacionalista Galego no Eo-Návia e Astúrias promoverá a criación dun Estatuto Comarcal Especial para a comarca de fala galega, Eo-Návia, "por ter unha idiosincrásia moi ben definida que a afasta do resto do país asturiano".

Esta idea, que se recolle no número cero do voceiro El Ram, "voceiro do BNG de Astúrias e do Eo-Návia", que saiu á rua esta semana, foi asumida por outras forzas da esquerda asturiana, entre elas as Xuventudes Socialistas. Esta iniciativa pretende que a comarca do Eo-Návia, formada por 18 concellos na que viven 40.000 habitantes de fala e cultura galega, teña un Consello Comarcal, seguindo o modelo do Bierzo ou do Vall D'Ará en Catalunya, no que estarian representadas todas as forzas políticas actuantes na comarca e contaria, ademais con vários comités de asesoramento, integrados por expertos vencellados a distintos eidos da comarca eunaveiga.

O BNG en Astúrias denuncia a "descarada inxéréncia da Académia de Língua Asturiana na comarca de fala e cultura galega, por canto ten potestade lingüistica "sobre un território con outra língua, o galego". Afirman que a opresión que se exerce desde o español cara a língua asturiana, revírtese noutra represión cara á outra língua de Asturies, o galego. "Isto faise desde a tarima dunha mal chamada Académia que, moitas veces, actua coma un verdadeiro partido político", escreben.

Considera que, para o movimento galeguista, élle moi doado espallar a idea de que os eonavegos están a ser invadidos polo asturiano, pero afirman que "pacentemente non se caeu neste erro, porque hai que diferenciar claramente o respeito que se pode ter por unha língua irmá, do que merece unha institución opresora".

O BNG de Astúrias pide que a potestade lingüistica "desta Terra" ten que estar no governo autónomo do Principado, "claramente através da sua consellaria de Cultura, pero non através dunha Académia allea, sacándose da manga unha pantasmal "Secretaria Lingüística do Navia-Eo", que é o mesmo que dicer Xeira, a asociación fomentada desde o poder para combater o movimento cultural galeguista".

Para os militantes do BNG no Eo-Návia e en Astúrias "o maior despropósito da Académia foi culpar aos nacionalistas galegos de defender os dereitos lingüísticos do Eo-Navia, através do deputado Francisco Rodríguez". No dia Dia de les Lletres Asturianes (3 de Maio), compararon a actuación do bNG no Congreso dos Deputados, pedindo axuda para o galego que se fala alén das nosas fronteiras, coa actuación das columnas galegas en Asturies na Guerra Civil. Este ataque, sen precedentes, leva a que os nacionalistas galegos en Asturies califiquen a o presidente da académia como "resentido e babayu".

Desde El Ram, denúncian como a academia de Asturies está a publicar nos últimos tempos libros através de Xeira, nos que se deturpan os topónimos e a tradición, de parróquias como Coutos, en Ibias, das que non hai nengunha dúbida sobre que son galego falantes (están mesmo introducidos na Galiza administrativa).

Análise dos xornais asturianos

En El Ram tamén analisan o trato que os principais xornais asturianos teñen sobre Galiza, os movimentos galeguistas na comarca Eu-Navia e o BNG. De La Nueva España, o xornal de maior difusión en Asturies, propiedade do Grupo Moll, o mesmo que Faro de Vigo, afirman que a sua liña é moi pouco respetuosa con Galiza e coas ideas nacionalistas. "Moitas das notícias que publican sobre Galiza só tentan o contínuo enfrontamento entre os dous paises, manipulando a información fortemente e promovendo o sentimento antigalego latente en moitas capas da cidadania asturiana", denúncian. Sorpréndense de que "o trato que receben outras terras limítrofes como Cantábria ou León sexa claramente distinto".

Na sua análise os nacionalistas galegos afirman que para La Nueva España, todos os perigos veñen da Galiza: "afáns invasionistas (especialmente a TVG e La Voz de Galícia (edición Asturias), imposición do galego, usurpación da cuota láctea e da carne de tenreira, barcos galegos que levan o peixe asturiano, traslado de empresas pola competéncia de chan barato, man de obra galega na construción, a concesión de emisoras de rádio...". Tampouco non respeitan a toponímia galega para nada. O movimento galeguista no Eu-Návia é silenciado constantemente ainda que dez vez en cando, se realizan ataques subterráneos.

La Voz de Asturias, xornal vencellado ao Grupo Zeta, segue para os nacionalistas "unha liña editorial errática, cunha información non moi profunda da Galiza e do BNG, e tanto lles dá unha banda como a outra". El Comércio é "o xornal máis respetuoso, en liñas xerais, con Galiza e co BNG". Pero este xornal ten a sua principal área de difusión en Xixón, Aviles e no Oriente de Asturies. Tamén analiza Les Notícies, un semanário editado en asturiano e vencellado "ás forzas nacionalistas e rexionalistas asturianas". Afirman del en El Ram, que segue "unha liña editorial un pouco errática, ainda que o trato que fai de Galiza e do movimento nacionalista galego é medianamente aceitábel. Outra cousa xa é o tratamento da cuestión lingüstica do Eo-Návia".

El Ram, verba que significa no galego do Occidente, concretamente en Ibias, "berce", é o intento de organizar unha agrupación do BNG en Asturies, "que erguerá moitos sarabullos, pero tratará de defender tanto os intereses dos emigrantes galegos coa dos galego-falantes das terras do Eo-Navia".

Estes sarabullos virán dados, entre outras causas, porque as relacións existentes entre os dous paises "non pasan polo millor momento, ainda que non foi sempre así". Estas relacións non son millores entre as organzacións nacionalistas galegas e asturianas, "moitas veces por mútuo descoñecimento e, as máis, polo conflito lingüistico na comarca Eo-Navia". Esta comarca ten 40.000 galego falantes e os emigrantes galegos en Asturies, de primeira xeración, eran, en 1996, segundo SADEI, 28.977 (o maior número na bisbarra de Xixón, con 9.671), ainda que, outras fontes oficiais, achegan o número de galegos, de primeira e segunda xeneración a máis de 40.000 persoas.